miércoles, 17 de abril de 2013

Quen somos?


Autores: Alba González Barreira, Alba Pérez Macía e Alba Rúa Diéguez.
1º ESO CPI Laureano Prieto, A Gudiña, Ourense

Introdución


Nos nosos concellos (A Gudiña e A Mezquita, na provincia de Ourense) todos os veráns temos a desgraza de ver lumes. É unha praga que nunca nos abandona, e que destrúe non só a vexetación e a fauna, senón que afecta ao solo e a auga. Isto é así porque, ademais de morrer os seres que poboan o solo e polo tanto o construén, a perda da vexetación diminúe a infiltración da auga e favorece a erosión do solo. As partículas erosionadas enturbian os ríos, a auga provoca crecidas e os niveis dos acuíferos diminúen.
Pero, por que todos os anos se repiten estes feitos? Segundo o informe de “Ecologistas en Acción”, as causas dos incendios forestais serían: (Ecologistas en Acción, 2010)
§Uso do lume para eliminación de matogueira e rexeneración de pastos (polo tanto, falta de sensibilización por parte da poboación rural)
§ Repoboacións forestais mal xestionadas. Segundo esta ONG soamente o 16 % das masas arbóreas en España teñen plan de xestión.
§ Neglixencias
§ Pirómanos
§ Cazadores
§ Plantacións de piñeiros e eucaliptos, xa que nos bosques maduros autóctonos a cantidade de incendios son menores.
Con todo isto, quixemos averiguar se isto que propoñen no seu informe Ecologistas en Acción é certo.

Obxectivos



- Averiguar se as actividades incendiarias dalgunhas persoas son aprobadas polos seus veciños.
- Indagar se os lumes son un problema para os habitantes da Gudiña e da Mezquita, ou polo contrario non están sensibilizados co problema dos incendios.
- Consultar entre a poboación quen é o responsable dos lumes nestes concellos.
- Coñecer se existe relación entre os incendios e o tipo de vexetación.
- Relacionar a extensión dos últimos incendios máis importantes que houbo neste ano co tipo de vexetación da área afectada.

Material e métodos


Realizáronse unhas 200 enquisas a persoas da Gudiña e A Mezquita. A enquisa era a seguinte:
           Quen queima o monte? (pódense marcar varias)
        1)      Gandeiros para conseguir pastos
        2)      Cazadores
        3)      Pirómanos
        4)      Persoas para limpar o monte
        5)      Descuidos
        6)      Outras razón:______________________________________
       Parécelle razoable ou xustificable algunha das razóns que marcou antes? Cales?
        1)      Gandeiros para conseguir pastos
        2)      Cazadores
        3)      Pirómanos
        4)      Persoas para limpar o monte
        5)      Descuidos
        6)      Outras razón:_____________________
    Parécelle un problema importante os incendios? 


Ademais buscamos información sobre os incendios máis importantes rexistrados no ano 2012 en España: superficie afectada e tipo de vexetación. Esta información obtivémola da páxina web da ONG WWF España e do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, 2013).
Todos estes datos foron recollidos en táboas e analizadas coa axuda do programa Microsoft Excell 2007.




Resultados e discusión


O primeiro que queremos destacar é que a información existente abarca o que se chaman “Grandes Incendios Forestais” (GIF), é dicir, incendios que afectan a máis de 500 ha. Por baixo disto, non está recollido nos informes tanto do Ministerio como de WWF; polo tanto está subestimada a superficie queimada no ano 2012.

Segundo o Ministerio de Medio Ambiente no 2012 nun 15 % do territorio do Estado (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, León e Zamora) ocorren a metade (51,25 %) dos incendios. Este dato é vergonzoso, cando o Noroeste non se caracteriza por ter un clima seco. Haberá aquí en Galicia unha “cultura do lume”?
Por outra banda, analizando os grandes incendios forestais do ano 2012, vemos que nun 76 % deles están presentes os piñeiros, que posúen resinas e arden mellor.


Incluso se calculamos a media de hectáreas afectadas (na seguinte táboa), a media da área é maior onde existen piñeiros (case o dobre) que onde non hai piñeiros.


Media das áreas afectadas (ha)
Sen piñeiros
2140
Con piñeiros
4010

Os bosques maduros autóctonos xofren menos lumes, e cando o fan non se estende tanto o lume. Unha boa prevención de incendios pasaría polo tanto, por non replantar con piñeiro e facelo coas especies autóctonas, cuxas madeiras son máis valiosas cas dos piñeiros.
Para os habitantes da Gudiña e da Mezquita, os responsabeis dos incendios son maioritariamente os pirómanos, seguidos dos descuidos e en xeral de persoas que queren limpar o monte, e utilizan o lume como método máis cómodo.


Histograma 1: Número das persoas enquisadas que escolleron cada unha desas opción sobre quen é o responsable dos incendios.


A seguinte cuestión era saber se algunha desas causas eran xustificables no seu xuízo, e aínda que o 86 % dos enquisados pensan que os incendios son un problema grave, pareceron causas xustificables máis razóns das esperadas por nós, que cremos que non hai xustificación para ese atentado medioambiental.


Histograma 2: Número das persoas enquisadas que escolleron cada unha desas opción sobre razón xustificable para incendiar o bosque.

Parece que entre a poboación da Gudiña e A Mezquita, non existe moita conciencia dos prexuízos dos lumes, e que aínda pervive a cultura do lume.

Conclusións


- Algunhas actividades incendiarias, como pode ser limpar o monte, non son rexeitadas polos poboadores da Gudiña e da Mezquita.
- Semella que a xente considera os lumes como un problema (86 % dos casos), aínda que despois se xustifican actitudes incendiarias.
- Maioritariamente son considerados como responsábeis dos incendios os pirómanos, aínda que tamén destacan os incendios provocados por descoidos ou para limpar o monte.
- Hai maior número de incendios con implicación de piñeiros que de outras especies.
- En áreas onde existen piñeiros a media da área afectada polo lume é maior que nas áreas con outras árbores.
Desexaríamos que houbese maior presenza de campañas de sensibilización e ofrecer alternativas á limpeza do monte por lume no medio rural. Tamén que se mirara máis por facer repoboacións con especies autóctonos que non ardan tan ben coma os piñeiros.

Agradecementos


A Fundación Barrié pola confianza otorgada ao apoiar o proxecto educativo “Intercambiando Ciencia e Cultura e compartindo horas de lecer”.

Bibliografía


Cortizas, A. M., & Pérez ALberti, A. (1999). Atlas climático de Galicia. Xunta de Galicia.
Ecologistas en Acción. (2010). Luces y sombras de la lucha contra incendios forestales. Ecologistas en Acción.
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. (2013). Incendios Forestales en España 1 enero-31 diciembre 2012.